Sunday 28 de April de 2024

Os veciños de Berdoias inauguran “Vieiro Fidalgo”, a 1ª ruta que conta con sinalización promovida polo Concello


Durante a estrea do roteiro, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinalou que o obxectivo “é pór en valor e dar a coñecer o enorme patrimonio etnográfico e patrimonial desta parroquia”.

Vimianzo viviu hoxe, sábado 22 de agosto, a inauguración de “Vieiro Fidalgo”, a primeira ruta de sendeirismo que conta con sinalización promovida polo Concello. Tras acometer os labores para instalar sinais e paneis en diferentes puntos, o executivo quixo que foran os veciños e veciñas de Berdoias os primeiros en coñecer e percorrer este roteiro, que conecta este lugar con Boallo. O acto arrincou na igrexa parroquial e, desde alí, a comitiva realizou o percorrido completo, de 9 km.

Durante a estrea da ruta, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, sinalou que o obxectivo “é pór en valor e dar a coñecer o enorme patrimonio etnográfico e patrimonial desta parroquia”. E é que, ao longo do percorrido, os sendeiristas atoparán hórreos, muíños, pontellas, pontes alvarizas, pombais e, en liñas xerais, elementos dun gran valor etnográfico. O roteiro pasa, así mesmo, por algúns espazos arqueolóxicos do máis significativo, como o Dolmen de Freáns -tamén coñecido como a Casota de Freáns- os Petróglifos do Pedrouzo e os Petróglifos de Boallo. A maiores das sinais do propio camiño, o goberno local decidiu instalar paneis informativos nestes puntos de especial interese patrimonial, que ata o de agora non contaban con ningúnha indicación -agás a Casota de Freáns, que si dispuña de paneis-. Agora, tanto os Petróglifos como os gravados do Dolmen contan con paneis nos que se identifican os motivos. A maiores, o executivo acometeu tamén a limpeza da Mámoa de Freáns.

A empresa Árbore Arqueolóxica encargouse de deseñar o roteiro, así como de realizar o control arqueolóxico, supervisando a colocación da nova sinalización e a limpeza dos elementos.

O vindeiro sábado, 29 de agosto ás 10.00 horas, o Concello organizará unha actividade, aberta a toda a veciñanza, para dar a coñecer esta ruta. As prazas serán limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente. Para iso, dispoñen do correo electrónico turismo@vimianzo.gal e do teléfono 604 03 66 17.

Un pasado fidalgo

O nome da ruta, “Vieiro Fidalgo”, alude ao pasado de Berdoias e Boallo, estreitamente vinculado á familia Lema, de orixe fidalga. Precisamente, a construción da Igrexa de Berdoias -liña de saída e de meta desta ruta- foi promovida pola familia Lema. Así mesmo, tanto Berdoias como Boallo contan con casas fidalgas, polo que esta ruta busca ser a unión entre a historia de ambos os dous lugares.

O traxecto, de dificultade baixa, percorre un total de 9 km. Porén, debido á súa morfoloxía, pódense facer os dous tramos -de Berdoias a Boallo- ou unicamente un deles